Inicio > Áreas > Inclusión social > Servizos sociais comunitarios

Servizos sociais comunitarios

Os servizos sociais comunitarios, son de carácter predominantemente local, están referidos a un territorio e a unha poboación determinados e constitúen o punto de acceso normalizado e tamén o primeiro nivel de intervención do sistema galego de servizos sociais.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, define e regula o sistema galego de servizos sociais. Os servizos sociais comunitarios son o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades  no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación, mediante intervencións que permitan o logro dos obxectivos estratéxicos do sistema. 

Configúranse como servizos de carácter integrador, o que os constitúe na principal instancia do sistema para o desenvolvemento de intervencións de carácter preventivo, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral; e poden ter a consideración de básicos ou específicos, sendo con carácter xeral de competencia municipal.

Servizos sociais comunitarios básicos

Teñen un carácter local, aberto e polivalente e constitúen a canle normal de acceso ao sistema de servizos sociais, co que garante a universalidade do sistema e a súa proximidade ás persoas e aos ámbitos familiar e social.

Desenvolveranse  desde os centros de servizos sociais por medio de equipos interdisciplinares e  coa estrutura organizativa que estableza a administración titular do servizo. 

Programas e servizos sociais comunitarios básicos: 

Programa de valoración, orientación e información.

Este programa garantirá o acceso universal e gratuíto ao sistema e, ademais, a prestación de servizos de carácter profesional en todo o territorio. O contido destes servizos consistirá en:

  • Proporcionar información, orientación, asesoramento e acompañamento.
  • Realizar a valoración e o diagnóstico social da cidadanía.
  • A intervención básica de traballo social.
  • Derivar cara a intervención social, biopsicosocial ou socio-educativa idónea para cada caso, que favoreza a adquisición ou recuperación de funcións e habilidades persoais e sociais e procure a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social. Esta derivación poderá realizarse cara aos distintos programas de servizos sociais comunitarios, tanto básicos, como específicos.
Servizo de axuda no fogar (SAF)

O Servizo de axuda no fogar (SAF) basease na atención a persoas maiores con déficit de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Darase prioridade no acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do Sistema de Atención á Dependencia (SAAD).

Ademais disto, desde os municipios estabécense sistemas de acceso libre ao SAF desde a súa modalidade denominada básica, para situacións diferentes á contemplada no parágrafo anterior.

Servizo de Educación e Apoio Familiar

O programa diríxese con carácter xeral ás familias da comunidade de referencia dos servizos sociais comunitarios, con atención prioritaria a aquelas unidades de convivencia que se atopen en situación de maior vulnerabilidade, nas que exista presenza de menores en risco de desatención ou nas que se identifiquen outros factores que revelen unha situación de risco de exclusión social ou pobreza infantil.
A determinación da unidades familiares destinatarias virá precedida, en todo caso, pola valoración técnica do persoal cualificado dos servizos sociais comunitarios municipais.

Con fin de promover a integración social e a calidade da acción educativa das familias, o programa poderá incluír, ademais, actividades de carácter aberto, enfocadas en xeral a toda a comunidade ou a sectores profesionais ou corporativos vinculados directa ou indirectamente coa mellora da calidade da actuación parenteral e a vida familiar.

Programa básico de inserción social

Para o desenvolvemento deste programa, os servizos sociais básicos:

  1. Detectarán e valorarán as situacións de persoas, grupos ou áreas territoriais en situación e risco de exclusión.
  2. Participarán no procedemento de asignación das prestacións económicas de inclusión social referidas no apartado 1 do artigo 18 de Lei 13/2008, de Servizos Sociais de Galicia, orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias básicas e a estimular a incorporación social e laboral. De maneira particular analizarán o perfil socio-laboral de cada caso e expedirán os informes e propostas de derivación e idoneidade do recurso que se establezan no procedemento.
  3. Coordinarán a súa actuación profesional, de cara ao desenvolvemento dos itinerarios personalizados de inclusión, cos servizos sociais comunitarios específicos para a inclusión social, en especial cos equipos de inclusión socio laboral que corresponda, ben de dependencia municipal ou xestionados de maneira consorciada.
  4. Desenvolverán actuacións en relación co seguimento e revisión das prestacións.
 
Programa de fomento da cooperación e solidariedade social

Mediante este programa os servizos sociais comunitarios fomentarán a solidariedade entre os membros da comunidade local e a acción voluntaria na área social.

Fomentarase a creación de organizacións de autoaxuda, axuda mutua e de acción solidaria, mediante o correspondente asesoramento, formación e acompañamento do dito proceso. Estas organizacións complementarán a actuación dos servizos sociais públicos de acordo coa planificación local de servizos sociais.

No desenvolvemento deste programa priorizarase o intercambio xeracional, a interculturalidade e as medidas de acción positiva para a consecución da igualdade, e prestarase especial atención á prevención da violencia de xénero.

Plan Concertado de financiamento dos servizos sociais comunitarios

Serán beneficiarios os concellos que, de maneira individual ou agrupada, desenvolvan os servizos sociais comunitarios básicos e específicos da súa competencia e que presenten o correspondente proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais.

Para estes efectos, as corporacións locais asinantes do dito proxecto deberán estar inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Enténdense incluídas no apartado anterior as mancomunidades de municipios. Cando se trate de agrupacións de feito acordadas entre concellos mediante fórmulas de colaboración interadministrativa para o desenvolvemento compartido de servizos sociais, deberán xustificar no proxecto anual de servizos sociais comunitarios municipais a complementariedade e a non duplicidade de actuacións para as cales se solicita financiamento.

En ambos os casos o financiamento dun servizo ou programa de maneira conxunta exclúe a posibilidade de financiamento individual do mesmo servizo ou programa.

Servizos sociais comunitarios específicos

Estes servizos sociais comunitarios específicos desenvolverán programas e xestionarán centros orientados a colectivos con problemáticas específicas identificadas e singulares, procurando a súa normalización e reincorporación social ou como espazo de tránsito a un servizo especializado. Sen prexuízo da súa dedicación a colectivos ou problemáticas concretas, actuarán, como servizos de proximidade, no medio vital das persoas destinatarias, favorecendo o mantemento dos seus vínculos familiares e comunitarios, a súa autonomía e calidade de vida. 
Están dirixidos a un sector da poboación ou a unha necesidade determinada que demandan unha maior especialización técnica, unha especial intensidade na intervención ou unha base territorial de intervención de carácter supramunicipal.

Programas e servizos dos servizos sociais comunitarios específicos
       Programa específico de xestión de centros autorizados de inclusión e emerxencia social
       Programa específico de inclusión social dirixido a persoas sen fogar
       Programa específico de inclusión social dirixido a persoas inmigrantes 
       Programa específico de inclusión social dirixido a persoas emigrantes retornadas 
       Programa específico de inclusión social dirixido a persoas da comunidade xitana
       Programa específico de prevención e inclusión social dirixido a persoas en risco de exclusión doutras minorías socialmente vulnerables
       Programa específico de inclusión social dirixido, de xeito integrado, a persoas en risco de exclusión de varios colectivos socialmente vulnerables diferentes
       Programa específico de atención a persoas con limitacións na súa autonomía e ás súas persoas coidadoras, mediante servizos de atención diúrna e nocturna
       Programa específico de atención a persoas con discapacidade
       Programa específico de apoio psicosocial e familiar vinculado á atención temperá
       Programa específico de atención a persoas maiores mediante equipamentos e servizos que faciliten a prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal mediante o envellecemento activo e solidario
       Programa específico de atención á primeira infancia en centros e instalacións que posibiliten a conciliación da vida laboral e familiar
       Programa específico de asesoramento, atención e orientación a mulleres en situación de especial vulnerabilidade
       Programa específico de atención a menores de idade en situación de risco ou conflito social
       Programa específico de aloxamento alternativo
       Programa específico de convivencia alternativa
       Programa de xestión doutros equipamentos sociais non residenciais que presten servizos sociais de proximidade

Normativa aplicable