Inicio > Recursos > Asesoría virtual de entidades > Autorización de centros e programas

Autorización de centros e programas

Creación e construción de centros

A autorización de creación/construción de centros ten por finalidade a adecuación do proxecto técnico de construción ou reforma do inmoble á normativa específica que lle resulta aplicable, segundo a tipoloxía do centro que se pretenda crear, os servizos que se vaian prestar e as persoas destinatarias deste.

Acceso ao procedemento de creación/construción de centros

Inicio de actividade de centros e programas

A autorización de inicio de actividade ten por finalidade comprobar que os centros ou programas que se van poñer en funcionamento dispoñen dos medios materiais, persoais e funcionais específicos para o correcto desenvolvemento dos servizos sociais que se pretenden prestar.

Acceso ao procedemento de inicio de actividade de centros e programas

Inicio de actividade de servizos complementarios

A autorización de inicio de actividade de servizos complementarios ten por finalidade comprobar a adecuación das instalacións, a súa compatibilidade co uso principal e que dispoñen das condicións e requisitos definidos na normativa sectorial que os regula.

Acceso ao procedemento de inicio de actividade de servizos complementarios

Modificación substancial de centros ou programas

As modificacións substanciais dun centro ou programa requirirán a obtención da autorización administrativa con carácter previo á súa realización.

  • Para estes efectos, considéranse modificacións substanciais dun centro ou programa:
  • Os cambios producidos no proxecto técnico da obra, unha vez obtida a autorización de creación ou construción do centro.
  • Aqueles cambios na estrutura do centro ou do programa que xa se atopa en funcionamento, sempre que impliquen algunha das seguintes circunstancias:
    • Supoñan unha alteración funcional ou cambio de usos nas instalacións autorizadas.
    • Supoñan unha ampliación das prazas ou unha ampliación ou redución das unidades autorizadas.
    • Supoñan o traslado da instalación de referencia do programa autorizado a outra situación. Os traslados de centros autorizados a unha instalación diferente requirirán, en todo caso, unha nova autorización de creación e de inicio de actividade.

Acceso ao procedemento de modificación substancial de centros e programas

Cesamento de actividades de centros e programas

As autorizacións de cesamento de actividades garanten que a interrupción ou cesamento de actividades se leve a cabo respectando os dereitos das persoas usuarias.

Para o cesamento das actividades dun centro ou programa, tanto temporal como definitivo, xa sexa parcial ou total, será preceptiva a obtención da correspondente autorización.

Para estes efectos, entenderase:

  • Por cesamento temporal e parcial, a interrupción durante un prazo determinado da prestación dalgún dos servizos nun centro ou programa autorizado.
  • Por cesamento temporal e total, a interrupción de todas as prestacións durante un período determinado que non respondan a condicións de funcionamento normais e propias da tipoloxía do centro ou programa.
  • Por cesamento definitivo e parcial, a interrupción dalgún dos servizos de forma permanente mentres continúan prestándose outros.
  • Por cesamento definitivo e total, a finalización das actividades do centro ou programa autorizado.

Acceso ao procedemento de cesamento de actividades de centros e programas

Asesoramento na creación de centros

As entidades que conten cun proxecto técnico para a creación dun centro de servizos sociais, teñen a posibilidade de obter un informe previo emitido pola Subdirección Xeral de Proxectos e Accesibilidade sobre o cumprimento da normativa vixente que lle sexa aplicable de acordo coa súa tipoloxía.

Este asesoramento é gratuíto, terá carácter informativo e non vinculante e realizarase en función dos datos facilitados.

As entidades interesadas neste estudo, deben presentar unha solicitude acompañada da seguinte documentación:

  • Memoria explicativa da ubicación, do tipo de centro que se pretende crear, do tipoloxía ou perfil dos usuarios aos que se dirixe, do programa a desenvolver nas instalacións, dos servizos que se pretenden prestar e unha estimación sobre a capacidade do centro ou número de prazas.
  • Como mínimo, plano a escala con distribución de usos e espazos.

Este asesoramento pode solicitarse presentando unha solicitude xenérica na Sede electrónica da Xunta de Galicia, dirixida á Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, dependente da Secretaría Xeral Técnica.