Inicio > Recursos > Asesoría virtual de entidades > A inspección de servizos sociais

A inspección de servizos sociais

Funcións e principios de actuación da inspección

A inspección ten por función verificar o cumprimento da normativa aplicable aos servizos sociais, de xeito que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se presten á cidadanía no territorio galego.

A actuación da inspección do Sistema Galego de Servizos Sociais baséase nos principios de eficacia, responsabilidade, accesibilidade e servizo á cidadanía e cooperación interadministrativa.

Ámbito e alcance da actuacións

Están suxeitos á inspección de servizos sociais todas as entidades que desenvolvan servizos sociais no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

A función inspectora desenvolverse de oficio polo órgano competente en materia de autorización e inspección de servizos sociais da consellería da Xunta de Galicia, ben por iniciativa propia ou por instancia doutros órganos u organismos da Xunta de Galicia ou doutras administracións públicas, ou con motivo das queixas ou informacións obtidas directamente das persoas usuarias ou da cidadanía en xeral, debidamente fundadas.

O persoal inspector

O persoal inspector, no exercicio das súas funcións, ten a condición de autoridade pública e actúa con plena independencia, obxectividade e imparcialidade de conformidade cos principios de especialización de funcións e profesionalidade.

O persoal destinado ás tarefas de inspección será persoal funcionario e contará coa cualificación necesaria para o desenvolvemento das súas funcións. Para estes efectos para o desempeño destas funcións, valorarase dispor de titulación universitaria nas áreas xurídica ou social e exixirase estar en posesión do curso de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que garantirá unha formación mínima imprescindible en materia de inspección, de servizos sociais, de calidade e de procedemento sancionador, sen prexuízo daqueles outros requisitos que se puideran determinar nas bases da convocatoria dos procedementos de provisión dos postos de traballo e de conformidade co disposto na lexislación vixente en materia de función pública.

As funcións inspectoras non poderán ser exercidas por persoas que xestionen, sexan propietarias ou teñan intereses económicos nas entidades, nos servizos ou establecementos de servizos sociais que inspeccionen.

O persoal inspector dependerá funcionalmente do órgano con competencia en materia de autorización e inspección de servizos sociais. Ás persoas titulares das unidades administrativas e servizos que realicen funcións de coordinación dos equipos de inspección exixiránselle os mesmos coñecementos, requisitos e incompatibilidades establecidas para o persoal inspector.

O persoal inspector poderá recibir o apoio doutro persoal técnico especializado nas áreas de actuación nas que desenvolva as súas funcións.

Planificación da actividade da inspección

A actividade inspectora organízase de conformidade coas directrices e coas prioridades acordadas no Plan Anual de Inspección aprobado polo/a titular da consellería competente en materia de servizos sociais.

O plan de inspección fixará os obxectivos anuais da unidade en relación cos servizos existentes no momento no que se elabore. Ademais, recollerá os datos referidos ao ano anterior e avaliará o grao de cumprimento da planificación realizada.

Funcións da inspección

De conformidade co artigo 73 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia son funcións da inspección de servizos sociais:

  • Verificar o cumprimento dos requisitos e condicións exixibles para a obtención das preceptivas autorizacións administrativas e para a acreditación en materia de servizos sociais.
  • Velar polo respecto dos dereitos das persoas usuarias dos servizos sociais.
  • Controlar o cumprimento da normativa vixente e o nivel de calidade dos servizos sociais que se presten no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e formular propostas de mellora na súa calidade.
  • Asesorar, no exercicio das actuacións de inspección, ás entidades prestadoras de servizos sociais, titulares ou xestoras de servizos sociais e ás persoas usuarias ou aos seus representantes legais, sobre os seus dereitos e deberes e sobre a forma de cumprir as disposicións vixentes na materia.
  • Emitir informes sobre o destino e a adecuada utilización das subvencións e axudas públicas percibidas por persoas físicas ou xurídicas en materia de servizos sociais, así como de calquera outra axuda económica articulada a través de convenios, contratos ou outras figuras establecidas na normativa vixente, sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao outros órganos en virtude da normativa específica.
  • Recibir, investigar e contestar queixas e reclamacións.
  • Emitir informes de inspección e propoñer a iniciación de expedientes sancionadores, de adopción de medidas cautelares, de clausura de centros, de suspensión das actividades e de revogación e suspensión das autorizacións e acreditacións concedidas.
  • Notificarlle ás entidades ou particulares os actos ditados en virtude da actividade inspectora.
  • Todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola normativa vixente na materia.
Colaboración interadministrativa

A Unidade de Inspección de Servizos Sociais poderá colaborar con outros órganos u organismos da Xunta de Galicia ou doutras administracións públicas no exercicio das competencias que ten atribuídas mediante a realización dos informes ou das visitas de comprobación que para o efecto se soliciten.

Así mesmo, o persoal inspector, para a realización das súas funcións, poderá contar co apoio doutras unidades de inspección da Administración xeral da Comunidade Autónoma e poderá instar, cando o considere necesario, a cooperación doutras administracións públicas nos termos previstos na normativa vixente.

Visitas de inspección

O persoal inspector poderá acceder libremente, sen previa notificación, e en calquera momento, a todos os centros de servizos sociais, á sede das entidades prestadoras ou ás instalacións de referencia dos servizos ou programas.

O persoal inspector identificarase mediante unha tarxeta acreditativa da súa condición e poderá ser asistido por persoal habilitado para o efecto.

Durante a visita de inspección, o persoal inspector está facultado para acceder a todas as dependencias, para efectuar toda clase de comprobacións materiais, documentais, rexistrais e contables, para entrevistarse con carácter privado cos/as profesionais e as familias/persoas usuarias ou os seus representantes legais, e para realizar cantas outras actuacións conduzan a un mellor coñecemento dos feitos, tales como:

  • Examinar o rexistro de altas e baixas de persoas usuarias, os contratos de prestación dos servizos, os expedientes individuais, as normas de funcionamento do servizo, os plans de organización do traballo e toda aquela documentación referida á contratación do persoal.
  • Verificar a correcta tramitación e resolución das queixas, reclamacións e suxestións presentadas polas persoas usuarias.
  • Comprobar que as actuacións e intervencións se realizan conforme os plans individuais elaborados para cada persoa usuaria e conforme os procedementos e os protocolos de funcionamento establecidos para os servizos, co debido cumprimento dos rexistros asociados.
  • Constatar que o persoal cumpre a rateo establecida, ou a ofertada para aqueles servizos concertados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, ademais dos requisitos de titulación e aqueloutros establecidos pola normativa específica en función do servizo do que se trate.
  • Examinar o mantemento das instalacións e do seu equipamento, así como a súa adecuación ás necesidades das persoas usuarias.

O persoal inspector realizará a visita de inspección, tratando de non interromper ou alterar o desenvolvemento normal das actividades, gardando sixilo profesional e respectando a intimidade e a confidencialidade dos datos de carácter persoal aos que teña acceso como consecuencia da súa actividade.

A acta de inspección

Unha vez efectuadas as comprobacións oportunas, o persoal inspector poderá estender unha acta numerada na que se farán constar os seguintes datos:

  • Data, hora e lugar da actuación
  • Identificación e sinatura do persoal inspector actuante.
  • Identificación da entidade, centro, servizo ou programa obxecto da inspección e da persoa que vai recibir a acta.
  • Descrición dos feitos constatados, das deficiencias detectadas e, cando proceda, das presuntas infraccións cometidas, facendo constar os preceptos que se consideren vulnerados.

Así mesmo, na acta poderanse relacionar aqueles aspectos dos servizos inspeccionados que se consideran mellorables.

Cando da actuación inspectora se derivasen simples inobservancias de requisitos que foran de doada emenda, o persoal inspector poderá formular os requirimentos e advertencias que considere oportunos no mesmo acto. Neste caso, deberá consignarse na acta os aspectos susceptibles de emenda, a norma omitida e o prazo para acreditar o seu cumprimento.

Unha vez redactada a acta de inspección, farase entrega dunha copia á persoa que asine a súa recepción, a cal poderá realizar na mesma acta as alegacións que considere procedentes. A sinatura da acta acreditará a súa entrega e o coñecemento do seu contido.

No caso de que a acta non se estenda no mesmo acto ou no caso de que a persoa rexeite a súa sinatura e/ou a súa entrega, circunstancia que se fará constar expresamente, nos tres días hábiles seguintes ao día da inspección, remitirase un exemplar desta por calquera dos medios previstos na lexislación vixente.