Inicio > Áreas > Familia e infancia > Orientacion E Mediacion Familiar > Mediación familiar

Mediación familiar

A mediación familiar é un servizo dirixido a facilitar a comunicación entre os membros dunha familia nunha situación de conflito. Poñerase á súa disposición unha persoa mediadora, que actuará de forma neutral, imparcial e confidencial, para axudalos a acadar unha solución por si mesmos.

Coa mediación familiar procúrase:

  • Atopar solucións satisfactorias comúns e duradeiras no tempo.
  • Minimizar o custo emocional que todo conflito produce nos membros da familia.
  • Restablecer e/ou mellorar as relacións entre as partes en conflito.
  • Evitar a instrumentalización dos demais membros da familia e, en especial, dos menores.
  • Asegurar a protección do interese superior do menor e do seu benestar.
  • Favorecer a responsabilidade parenteral compartida.

Como se accede?

As persoas interesadas deben presentar unha solicitude de mediación e designación de mediadores ou mediadoras familiar (procedemento BS426B)
A dita solicitude poderá presentarse:

  • De xeito conxunto, de ser o caso, deberán presentar a solicitude cuberta por cada unha das persoas que o solicitan.
  • Individual, proporcionando os datos da outra parte para solicitar o seu consentimento de mediación e designación de Mediadores ou Mediadoras Familiares para solicitudes individuais (procedemento BS426C).

Poderán elixir a persoa mediadora entre os profesionais inscritos no Rexistro de Mediadoras e Mediadores Familiares de Galicia. Se non hai acordo, será designada de oficio pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Consellería de Política Social.

Este servizo non é gratuíto, a sesión inicial ten un custo establecido de 60€ a pagar entre as dúas partes. Será gratuíto para aquelas persoas que teñan dereito a xustiza gratuíta. De ser o caso, debera indicalo na solicitude e axuntar coa solicitude a documentación xustificativa que se indica.

Que documentación deberán presentar?

  • Para todas as solicitudes:
    • Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.
    • Copia do libro de familia.
    • Copia da inscrición no Rexistro de parellas de feito, cando proceda e só no caso de parellas de feito de rexistradas fora da CCAA de Galicia ou no caso de non autorizar a súa consulta.
    • Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.
  • No caso de solicitudes conxuntas:
    • Anexo I cuberto pola outra persoa que solicita a mediación.
  • No caso de solicitar a mediación familiar gratuíta:
    • Copia da nómina do último mes, de ser o caso.
    • Copia da declaración da renda ou datos fiscais relativa ao último exercicio, só no caso de non autorizar a súa consulta.
    • Certificado de prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, de ser o caso, só no caso de non autorizar a súa consulta.
    • Certificado acreditativo da situación actual de desemprego, de ser o caso, só no caso de non autorizar a súa consulta.
    • Certificado de signos externos expedido polo concello de residencia, de ser o caso.
    • Outros documentos (Recoñecemento da xustiza gratuíta no caso de tela recoñecida, ou no caso de estar pendente de recoñecemento, solicitude de petición, remitindo posteriormente o seu recoñecemento).

Onde presentar a solicitude?

A solicitude, xunto coa documentación requirida e/ou as autorizacións correspondentes poderán presentala:

  • Por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.